miércoles, 5 de febrero de 2020

OS COMERCIANTES EUMESES ENSÍNANNOS A EMPRENDER


Hai uns cursos que dentro do noso proxecto de economía de Xeografía de 3º ESO visitamos algunhas das PEMES locais. Esto axúdanos a achegarnos aos pequenos comerciantes e aos seus retos nun mundo dominado polo comercio electrónico e as grandes superficies. Este ano enfocamos o estudo a algúns dos negocios máis veteranos do noso pobo e aos seus propietarios que día a día abren as portas e enfrontan a súa realidade como autónomos.

Estas foron as nosas visitas:

BARBERÍA TOCI LAMAS:

Toci Lamas cortou o pelo xa a moitas xeracións de eumeses. Barbeiro de familia e de vocación, traballa dende os quince anos no que máis lle gusta do mundo nun negocio que conta con máis dun século de historia localizado agora na rúa Santiago.




CACHARREIRA

Na rúa Real, Fernando Barallobre rexenta a tenda de regalos Cacharreira que abriu as súas portas hai 40 anos. Cóntanos que non ten vacacións e "hai que ser un currante" pero cre que se tes alma de autónomo nunca pecharás as portas.





FOTO RÍOS

José Ríos herdou o oficio do seu pai Tito Ríos e é o propietario dunha tenda de fotografía que naceu na rúa Ferreiros en 1954 e agora está na Praza do Conde. É consciente de que non se revelan as fotos como antes e hai que actualizarse pero segue amando a profesión que lle ensinaron de neno.





AUTOSERVIZOS CHARO

Inmaculada é a neta da fundadora da tenda de alimentación Autoservicios Charo. Depois da súa avoa e a súa nai, ela leva agora este establecemento onde dende hai 72 anos moitas familias eumesas enchen a súa bolsa da compra. Inmaculada confía en que o negocio, situado na Rúa Cantón, siga medrando.







Todos eles comparten algo: desfrutan do seu traballo e queren seguir así moitos anos. Saben que o comercio pequeno ten que seguir loitando para facerse sitio neste mundo globalizado pero animan á xente nova a que emprenda para dinamizar a economía do pobo. Neste senso, confían en que a próxima apertura do mercado municipal volva a dar máis vida ás rúas de Pontedeume.

Moitísimas grazas a todos por atendernos e por ensinarnos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario